Friday 03 de May de 2024

Grande afluencia á sardiñada popular de Santa Margarida, que abriu camiño á programación festiva previa ao San Xoán 2023


As actividades culturais no parque continuarán este domingo ao mediodía coa Romaría do Lecer, un festexo organizado pola Asociación Cultural Xacarandaina en colaboración co Concello

Multitude de persoas asistiron este sábado á celebración da sardiñada popular do parque de Santa Margarida, unha actividade aberta á cidadanía coa que o Goberno de Inés Rey reforzou a programación festiva previa á edición do San Xoán deste ano.

Na sardiñada popular, que comezou ás 19.00 horas de hoxe, repartíronse 500 quilos de sardiña fresca, o equivalente a unhas 3.500 racións, que incluíron sardiñas, pan e bebida.

Ademais, e xa desde primeira hora, gaiteiros pertencentes á Asociación Cultural Xacarandaina amenizaron o evento, que se prolongará ata case a medianoite de hoxe, coa actuación final dun DJ.

Os festexos desta xornada estendéronse tamén ao anfiteatro do parque, onde ás 18.00 horas comezou unha foliada infantil con Xacarandaina, Son D’Aquí e San Pedro de Nós.
Neste sentido, está previsto que a programación cultural deste sábado continúe ás 21.30 horas, co concerto do grupo Lagharteiras. A foliada continuará a partir das 22.30 horas con diversos grupos das asociacións Xacarandaina, Donaire, Santaia de Santa Cruz,
Abaladeiras de Muxía, Santiaguiños de Boimorto, Cantigas e Agarimos de Santiago, Arume de Caión, Alxibeira de Narón e Carcaxía de Malpica.

A Romaría do Lecer pon o peche ás actividades festivas este domingo 18

Este domingo, e a modo de clausura, terá lugar a Romaría do Lecer, un festexo organizado pola Asociación Cultural Xacarandaina en colaboración co Concello. Comezará no parque ás 12.00 horas e haberá diversas actividades de baile e música, ideadas para todos os públicos, con asistencia de balde.